Saturday 18 de May de 2024

A Xunta colabora con ACNUR na mellora da calidade de vida dos refuxiados sudaneses no leste do Chad


Vicepresidencia asinou un convenio para un proxecto que permitirá o acceso a auga potable a máis de 40.000 persoas nos campos de Iridimi e Touloum

A Xunta de Galicia, a través da súa Vicepresidencia, vén de asinar un convenio de colaboración co comité español da Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados, ACNUR, para a realización dun proxecto de axuda humanitaria en Chad.

O convenio é para a execución do proxecto “Acceso a auga potable para os refuxiados sudaneses no leste do Chad”, e pretende mellorar as condicións de vida de máis de 40.000 persoas nos campos de Iridimi e Touloum. O importe da subvención é de 20.000 euros.

No III Plan Director da Cooperación Galega, aprobado pola Xunta e o Parlamento galego, identifícase a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación e establécese a necesidade de promover a presenza da cooperación galega na acción multilateral. Así mesmo, no Plan Anual 2016 tamén está recollida a sinatura deste convenio.

A Xunta colabora desde o ano 2008 con ACNUR, realizando distintos proxectos de axuda humanitaria en apoio ás persoas refuxiadas en países como Chad, Somalia, Uganda, Kenya ou Siria. Entre 2008 e 2015 a Xunta ten achegado 260.000 euros para colaborar nestas actuacións.